Translate

domingo, 18 de noviembre de 2018

EXCURSIÓN Á CORUÑA.

O pasado 14 de novembro os alumnos de terceiro, cuarto, quinto e sexto viaxaron á Coruña para gozar dunha enriquecedora xornada.
Despois dun longo traxecto, o alumnado chegou á cidade coruñesa e merendou no paseo marítimo, gozando das preciosas vistas da Torre de Hércules e a praia de Riazor.

A primeira actividade programada era unha visita ao museo de ciencia e tecnoloxía, o MUNCYT.
Nese museo foron recibidos por dous robots, PepeXan e Marilú que lles retaron a atopar a peza máis pequena do museo, dentro da sala de Maiúsculas. Nesa sala atopábanse pezas como unha pianola, un acelerador de partículas ou un dos primeiros computadores.
Sen dúbida, o momento máis emocionante chegou na visita á última planta, na que se atopaban distintas partes dun Boeing 747, concretamente do Lope de Vega, o avión que transportou o 'Guernica': un dos motores de case 4 toneladas, asentos, á e cabina. Os alumnos puideron subirse na cabina e sentirse como os pasaxeiros de fai 35 anos.

Após a visita tocou poñerse ao choio para experimentar e aprender sobre os efectos que producen os incendios. Por unha banda comprobaron a erosión que produce a desaparición da flora e por outro, comprobouse que o aumento da temperatura no solo non só provoca que se perda a auga sinó que desaparece materia orgánica.

Foi unha visita do máis interesante.

Despois de repoñer forzas e comer no propio museo, colleron de novo o autobús para dirixirse á casa dos peixes: Aquarium Finisterrae.
Sempre é interesante volver visitar a Gastón, a quenlla Toro, e ás trece simpáticas focas. Na sala Maremagnum coñeceron curiosidades sobre os mexillóns, o polbo, os ourizos... e a visita chegou ao seu fin. Sempre que visitan o acuario aprenden cousas novas relacionadas cos peixes, a vida mariña e a ecoloxía.

Tras un intenso día de emocións e aprendizaxes emprenderon de novo a volta a casa.

domingo, 11 de noviembre de 2018

MALETA INCLUSIVA

Recibimos nas clases, grazas as xestións da biblioteca escolar, unha maleta inclusiva para a Hora de Ler, onde poidemos percibir distintos recursos: libros con alfabeto braille para cegos, lingua de signos para xordos, textos sobre a discriminación racial, acoso escolar, ...
Todo o material permitiunos reflexionar sobre a inclusión das minorías: dos que teñen dificultades nos sentidos, das persoas con doenzas, dos que teñen menos diñeiro, dos inmigrantes, dos refuxiados, dos insultados e acosados nas escolas, ...
É posible un mundo máis xusto e traballar por el é a nosa obriga.

Na clase de quinto cos recursos que a maleta nos aportou


CAMBIAR O CONTO

Por que os príncipes son valentes e as princesas esperan que as rescaten? Cambiemos o conto: a valentía é de todos e todas, non está soamente nun xénero.
Xoga cos trebellos que queiras: non hai xoguetes para nenos e xoguetes para nenas. Que non nos marquen un camiño!
Ramón Torrente achegouse ao noso centro educativo, a través do Concello de Bueu, para impulsar as reflexións do alumnado sobre a igualdade de xénero e tentar rachar os estereotipos que, dende pequenos, a sociedade nos amosa na publicidade, nas opinións dalgúns maiores,...
Os oficios, as cores, as afeccións, os deportes,... non son de nenos ou nenas son para tod@s.



Quinto e sexto no encontro celebrado na biblioteca escolar
s.

martes, 6 de noviembre de 2018

SAMAGOSTO

Fomos quen de crear unha palabra nova: SAMAGOSTO; pero non fomos orixinais, outros celebraron tamén o magosto e o samaín xuntos.

Imos explicarnos axiña: se hai que pasar medo despois non queda outra que encher o bandullo, sempre dixemos en Cela que as penas con pan, son menos penas.

Estamos escribindo do mércores 31 de outubro, alá apareceron a primeiras horas, colexialas coa cara chea de pingas de sangue, diaños con tridente, zombis e máis zombis,...

E así con esa pintiña fomos ao "Truco ou trato", oímos as palabras que botan fóra o meigallo, bebemos beberaxe máxico e escoitamos con paixón os contos de medo. Era samaín.


 Con tanto medo, a fame facía estragos. En canto poidemos engulimos castañas e máis castañas, xunto con bocatas de chouriso, lambetadas que saíron dun trato e auga para refrescar; algúns botaron en falta a colaloca porque a beberaxe tomámola en frascos pequenos e doce coma o zume, claro, así non apaghou a sede.
 Todo rematou con xogos que nos trouxeron Manolo Otero e os seus compañeiros.
Gracias a todos.


Ah, polo lei de protección de datos non temos detalles nin primeiros planos; pero dicir que algúns aproveitaron para ver con ollos doces as súas parellas, non sabemos se se colleron da man na escuridade dos contos. É estupendo que a xente se queira.
Bicos a todos