Translate

domingo, 18 de noviembre de 2018

EXCURSIÓN Á CORUÑA.

O pasado 14 de novembro os alumnos de terceiro, cuarto, quinto e sexto viaxaron á Coruña para gozar dunha enriquecedora xornada.
Despois dun longo traxecto, o alumnado chegou á cidade coruñesa e merendou no paseo marítimo, gozando das preciosas vistas da Torre de Hércules e a praia de Riazor.

A primeira actividade programada era unha visita ao museo de ciencia e tecnoloxía, o MUNCYT.
Nese museo foron recibidos por dous robots, PepeXan e Marilú que lles retaron a atopar a peza máis pequena do museo, dentro da sala de Maiúsculas. Nesa sala atopábanse pezas como unha pianola, un acelerador de partículas ou un dos primeiros computadores.
Sen dúbida, o momento máis emocionante chegou na visita á última planta, na que se atopaban distintas partes dun Boeing 747, concretamente do Lope de Vega, o avión que transportou o 'Guernica': un dos motores de case 4 toneladas, asentos, á e cabina. Os alumnos puideron subirse na cabina e sentirse como os pasaxeiros de fai 35 anos.

Após a visita tocou poñerse ao choio para experimentar e aprender sobre os efectos que producen os incendios. Por unha banda comprobaron a erosión que produce a desaparición da flora e por outro, comprobouse que o aumento da temperatura no solo non só provoca que se perda a auga sinó que desaparece materia orgánica.

Foi unha visita do máis interesante.

Despois de repoñer forzas e comer no propio museo, colleron de novo o autobús para dirixirse á casa dos peixes: Aquarium Finisterrae.
Sempre é interesante volver visitar a Gastón, a quenlla Toro, e ás trece simpáticas focas. Na sala Maremagnum coñeceron curiosidades sobre os mexillóns, o polbo, os ourizos... e a visita chegou ao seu fin. Sempre que visitan o acuario aprenden cousas novas relacionadas cos peixes, a vida mariña e a ecoloxía.

Tras un intenso día de emocións e aprendizaxes emprenderon de novo a volta a casa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario