Translate

domingo, 3 de febrero de 2019

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ



O pasado 30 de xaneiro celebramos no noso centro unha xornada educativa dedicada a conmemorar a morte do líder pacifista Mahatma Gandhi e a impulsar unha cultura pacifista, tolerante e solidaria. 
Para celebrar  o Día Escolar da Non Violencia e da Paz os alumnos e alumnas de todo o centro coñeceron e traballaron durante semanas a figura de Wangari Mathaai, premio Nobel da Paz no ano 2004. Wangari sementou un pensamento ecoloxista, vinculando o crecemento da comunidade á conservación da contorna. O alumnado do centro reflexionou sobre a importancia de coidar a natureza e elaboráronse centenares de follas con mensaxes pacíficas para encher os corredores da escola. 

Resultado de imagen de wangari maathai
Os alumnos de cuarto e sexto, titores e titorizados, foron os encargados de elaborar un manifesto que reflectira as ideas traballadas durante estas semanas. 
Durante o acto do 30 de xaneiro representantes deses dos cursos leron o manifesto ao resto de compañeiros e familias da escola. 
Ao rematar a lectura do manifesto, xuntámonos para cantar e bailar a bonita canción de ‘Apertas que voan’ de Paco Nogueiras, que fala da amizade sen fronteiras e sen distinción de ningún tipo. 
Para rematar a xornada, e seguindo a tradición, compartimos todos xuntos un CHOCOLATE POLA PAZ

Ah! E tivemos unha sorpresa! Torriño quixo sementar tamén a Paz e agasallou ao alumnado do 
centro con libros, como non podía ser doutro xeito!

Familias, mestres, persoal do centro e alumnos e alumnas gozamos moitísimo celebrando e traballando pola Paz.

Deixámosvos o manifesto elaborado polo alumnado que recolle as ideas e reflexións de todo o alumnado. 


Manifesto pola Paz 2019

Hoxe é  30 de xaneiro, DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ , declarado por primeira vez no ano 1964. O obxectivo desta conmemoración é educar na tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a Paz.

Desde o CEIP TORRE CELA  cremos que os centros escolares debemos actuar como instrumentos de Paz. Cremos que a Paz non so é a ausencia de guerras senón a presenza de liberdade e igualdade.
Non podemos dicir que vivimos en paz se non se respectan os dereitos das persoas sen distinción en función da raza, crenzas, relixión ou nivel económico.
Non podemos dicir que vivimos en paz se non conseguimos que todos e todas as persoas teñan acceso á cultura e á educación.
Non podemos dicir que vivimos en paz se non coidamos a nosa contorna, contaminando e maltratando o medio ambiente.

Recordamos polo tanto, neste importante día, aos nosos compañeiros, ás familias, aos mestres e a todos os membros da comunidade educativa que a responsabilidade de impulsar unha cultura de paz e respecto está nas nosas mans.
Cada un dos que estamos hoxe aquí podemos, seguindo o modelo de Wangari Maathai, plantar as sementes da Paz e facelas medrar con accións concretas. Tratando aos demais como queremos que nos traten a nós; facendo felices a aqueles que nos rodean e intentando ser cada día mellores persoas.
Sementamos a Paz, loitando de xeito pacífico contra a discriminación e contra calquera tipo de violencia.
Está tamén nas nosas mans, facer un uso responsable dos recursos naturais e reducir a contaminación para frear a destrución do noso planeta.
Wangari ensinounos que o respecto polo medio ambiente e a paz van da man.
Traballaremos para mellorar e convenceremos ás persoas que nos rodean para que traballen como nós. Deste modo as nosas sementes espertarán creando un mundo máis xusto e equilibrado.

Invitámosvos hoxe a todos e todas, neste DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ , a cultivar e promover os valores de paz e solidariedade, a rexeitar calquera tipo de violencia ou discriminación, a coidar o planeta e a biodiversidade que o habita.
Xuntos lograrémolo e xuntos gritaremos o ‘slogan’ preferido de Wangari:

Harambee, todos a unha!