Translate

lunes, 23 de marzo de 2020

Contexto Científico: Un experimento para cada día da semana (De 3º a 6º)

Como estades, pequenos e pequenas científicas?

Estes días temos o Contexto de Ciencias parado, pero hai algunhas ideas locas e divertidas que podedes facer na casa con material que atoparedes fácil na cociña ou no baño, e que vos permitirán seguir entrenando o método científico que poñemos en práctica nos recantos do noso contexto.

Lembras a lectura que propuxemos onte da autora Sara Crego? Pois como ela ben vos dicía, o xabón cumpre un papel moi importante para derrotar ao covid-19. Por iso, imos facer un especial de experimentos de ciencia onde xoga un papel especial o xabón. A loitar desde a ciencia!

1. POMPAS DE XABÓN: CONSTRUÍNDO BURBULLAS

Materiais: 
  •  Unha bandexa ou fonte con 3 partes de agua, 1de xabón líquido (de fregar pratos) e, se tes, unha cullerada de glicerina (se non tes podes botarlle unha cullerada de azucre).
  • Palliñas de refresco

Pasos a seguir: 
  • Coa bandexa coa mezcla de auga, xabón líquido e glicerina ou azucre (ben removida), introduce a palliña e comeza a soprar.
  • Que forma ten a túa pompa?
  • Cando fas moitas pompas, que forma fan entre si? E cando están unhas enriba das outras? Ocupan o maior ou o menor espazo posible?
  • Serías capaz de facer unha pompa dentro doutra pompa? Se fabricas un pompeiro caseiro podes lanzala pola fiestra para limpar o camiño das persoas que teñen que ir a traballar, como a protagonista do texto que limos onte, de Sara Crego.
Pensa se a forma que observas nas pompas ten algún tipo de relación coas abellas e por que será.

Aquí algunhas imaxes de cando fixemos a experiencia na Semana de Ciencia da Biblioteca.
Idea extraída dun curso cos inspiradores Jose Viñas e Patricia Barciela.

2. LANCHA ANTIVIRUS RÁPIDA CON XABÓN

Materiais:
  • Cartolina
  • Un bol ou fonte grande (para que a nosa lancha poida desprazarse polo recipiente)
  • Auga
  • Xabón líquido (como o de fregar os pratos)
 Pasos a seguir:
  • Colle a cartolina e recurta a silueta dunha lancha. Vai ser a tú lancha derrota-covid19! Faina pequeniña para que che colla ben dentro do bol ou dentro da fonte que teñas.
  • Pon a lancha antivirus sobre a auga (con coidado para que non se afunda).
  • Agora pon un pouco de xabón no dedo e toca a auga por detrás da lancha sen tocala.
  • Sae disparada? Por que será? Que propiedades máis curiosas ten o xabón, con razón é a mellor forma de combater ao virus!
 

Idea extraída do libro Los maravillosos experimentos de Jorge, libro de experimentos baseado no libro de Roald Dahl.

3. A FORMA DAS GOTAS

Materiais:
  • Auga
  • Alcohol
  • Aceit
  • Papel de forno
  • Palillos
  • Contagotas (vale o de calquera medicamento). Se non temos contagotas podemos usar unha palliña de refresco, para tentar botar unha gota soa.
Pasos a seguir:
  •  Co contagotas (ou coa palliña, se non tes) pon unha gota de auga, unha de alcohol e unha de aceite nun pedazo de papel de forno.
  • Observa ben as 3 gotas. En que se diferencian?
  • Intenta pinchar a gota de auga cun palillo limpo. Rómpese?
  • Intenta pinchala agora cun palillo bañado en xabón de fregar os pratos. Que pasa agora?
  • Ocorre o mesmo coa gota de alcohol ou a de aceite? 
 Por que será que ocorre isto co xabón?

 Idea extraída dun curso con Jose Viñas e Patricia Barciela.

4. PODE O XABÓN ROMPER A AUGA?

Materiais:
  • Clips
  • Bol con auga
  • Tenedor
  • Xabón líquido (de fregar a louza)
Pasos a seguir:
  •  Pon un clip na auga. Verás que se afunde, non flota.
  • Agora proba a depositalo sobre a auga cun tenedor, lentamente. Consegues que flote? 
  • Fíxate na sombra que proxecta no fondo do bol. É curiosa, non si?
  • Agora engade un pouco de xabón líquido á auga. Que pasa co clip? Rompeu o xabón á auga e por iso cae o clip que flotaba? Cada vez nos sorprenden máis as bondades do xabón, se pode romper a auga seguro que pode acabar tamén co coronavirus! 
 
  • Truco: Se non consigues facer flotar o clip co tenedor, podes untalo con cera dunha vela ou con aceite, así seguro que consegues que non se afunda. 
 Idea extraída dun curso con Jose Viñas e Patricia Barciela.

5. O CORDEL MÁXICO

Materiais:
  •  Recipiente con auga
  • Xabón líquido de fregar os pratos
  • Fío de algodón
  • Pauciño (de brocheta, dunha rama...)

Pasos a seguir:
  •  Cortamos 10 cm de fío de algodón e atamos os extremos cun nudo, formando un círculo.
  • Deixamos o lazo na superficie da auga procurando que flote.
  • Cun pauciño mollado en deterxente tocamos no medio do círculo.
  • Que lle pasa á auga? Que lle ocorre á corda? 


Canta maxia en só dous ingredentes principais, auga e xabón. Este covid19 ímolo parar. Lavade moito as mans e seguide descubrindo como funcionan elementos da vida cotiá que teñen propiedades moi importantes das que aínda temos moito que aprender. E parabéns por ter chegado ata aquí!
Idea recollida de  FQExperimentos

Quen sexa capaz de facer todos os experimentos, sacar unha fotografía da cada un e explicar en 3 ou 4 liñas cada experimento (pódese facer tamén unha ilustración debaixo da explicación), recibirá un carné de científico/a á cando volvamos ás clases presenciais e gañará puntos para poder participar na Feira da Ciencia.

Sorte e a por todas!

No hay comentarios:

Publicar un comentario