Translate

sábado, 21 de marzo de 2020

PROPOSTAS DE RELIXIÓN


Ola, bo día familias!:

Espero que o esteades pasando o máis levadeiro posible.

Envíovos unha serie de propostas de actividades de traballo para repasar. Podedes facelas en folios ou libretas que teñades a man.

Xa sei que teredes otras tarefas pero trátase de que fagades o que boamente poidades e saibades ( 1 ou 2 cada catro ou cinco días), e se algo non entendedes, deixádeo e á volta xa falamos.

Repito, con calma e sen agobios, para entreterse e lembrar o dado.

Os de 5o e 6o consultade os temas 1, 2, 3 xa dados de Netex na plataforma Edixgal.

E tende en conta que do aburrimento tamén se poden sacar cousas interesantes e moi positivas.

Seguro que axiña nos vemos, ánimo e un saúdo moi grande...

Picade en cada ligazón para descargar os documentos.

-3º de primaria: documento
-4º de primaria: documento
-5º de primaria: documento
-6º de primaria: documento

Unha aperta ben forte!

Profe Manolo 

viernes, 20 de marzo de 2020

TRABALLAMOS AS CIENCIAS SOCIAIS:

No pasado recente coas lendas da nosa contorna fixeramos distintos tarefas, entre elas:

Gravar podcast para Radio Faladoiro Clica

Divulgalas a través de internet Clica


Podiamos agora facer unha viaxe virtual por algúns dos lugares que se citan nas lendas usando google maps.

Por certo, hoxe entra a primavera. Escoitamos a Vivaldi, mentras traballamos. Clica

Tamén realizar itinerarios para unha viaxe real (lugar e hora de saída, pousada para bocata, chegada). Combinar autobús e camiñatas.

Ah, buscade día sen chuva en meteogalicia ou noutra app do tempo.

Ánimo podedes gardar o traballo e expoñer, pegar na libreta, para mural, gravar, colgar en distintas plataformas, ...




miércoles, 18 de marzo de 2020

Propostas lúdicas para a ponte: 14 días, 14 retos

Estes días da ponte, como non podemos saír, propoñémosvos algúns retos divertidos para facer na casa. 14 días, 14 retos é unha proposta da mestra Marta Blanco Girón que nos gustou moito e que podedes ver nestas imaxes para facer a fin de semana máis levadeira e tentar entreternos, xogar e aprender doutras formas distintas ás que adoitamos facelo.


Aquí o enlace ao pdf dos retos por se preferides velo en grande.


Lembrade que nestes días podedes engadir ao Padlet de Super Ideas imaxes, reflexións, recomendacións, ideas, xogos ou calquera cuestión que queirades compartir deixando o voso nome, para que saibamos quen de vós escribe. Eu xa deixei a miña recomendación! Agora, tócavos a vós.

A profe Anahí tamén nos deixou algunhas recomendacións para estes días, para facer xogos con materiais moi sinxelos que podedes atopar na casa. Aquí o enlace onde tedes estes xogos para andar por casa.

Hai uns días, colgamos tamén unha selección de vídeos e actividades do Contexto Científico que podes facer. Se aínda non te mergullaches no interesantísimo mundo do efecto invernadoiro, as enerxías e o impacto medioambiental, tamén podes visitar ese post neste enlace.

E se non gravaches o videopoema, estás a tempo ata o venres! Grava un poema recitado, cantado, interpretado, teu ou dun poeta ou poetisa, e envíao a ceipdatorrecela@gmail.com.
Neste post tiñades algunhas recomendacións para facer este traballo.

Sorte, torriños e torriñas!

MICRORRELATOS: actividades de lectoescritura

Cartel da FANPA www.nontedurmas.org

No folleto da convocatoria indícase "UN RELATO CURTO narra unha historia ficticia, nun pequeno espazo de tempo, con poucos personaxes (...). Deixa ao lector que deduza parte dos feitos e que se atope cun final inesperado".


Le microrrelatos en galego clicando

 http://blogs.nontedurmas.org/certame/relatos-premiados/2019-2/

Microrrelatos en lingua castelá no seguinte enlace http://recursosdidacticos.es/textos/lectura.php?id=245

Nota 6º curso: As respostas a través da tarefa do Tema 1 de lingua galega. Comprensión texto "Amiga invisible"


martes, 17 de marzo de 2020

Ideas para facer videopoemas: Día da Poesía

O día da poesía acércase, e a Torriño gustaríalle celebralo aínda que teñamos que facelo a distancia.

Por iso, desde a biblioteca do centro se vos pediu que tentedes facer cada un o voso videopoema antes do día 20, para despois facer unha montaxe con todos os vídeos que enviedes e poidamos disfutala desde as nosas casas.

Lembrade que pode ser un poema escrito por vós ou un poema de outros autores ou autoras. Podedes recitalo, cantalo, lelo ou representalo, e saír vós sos no vídeo ou con máis xente.

Aquí van algunhas ideas para facer este vídeo:

  • Orella pendella: É unha web con ditos populares, moitos teñen forma de poema e poden servir para gravar o vídeo ou para inventar un poema inspirándote neles.
  • Estes son algúns videopoemas creativos realizados por nenos e nenas doutros coles: Tal como as nubes (Rosalía de Castro), Oxalá (Celia Parra), A viaxe en nave espacial (Paula Carballeira). Como podedes ver, nalgúns saen os nenos e nenas e noutros non, saen as imaxes que eles gravan.
  • Estes son algúns videopoemas de poetas profesioanais, moi coidados esteticamente e con propostas moi creativas e en galego: Ingravidez (Rosalía Fernández Rial, esta é a súa web), Papel (Celia Parra, esta é a súa web).
  •  Poemas del alma: É unha web con poemas de autores consagrados en español, e onde tamén publican poemas autores nobeles coma vós.

Lembra! Cando teñas o vídeo feito, envíao a ceipdatorrecela@gmail.com.
Boa sorte, saúdos agarimosos e poéticos de Torriño e das e os vosos profes!

lunes, 16 de marzo de 2020

Matemáticas: Cálculo mental a través do xogo e divisións online

Esta é unha proposta para que practiquedes o cálculo mental a través de distintos xogos, e que non vos esquezades de facer divisións. Pero neste caso, ímolas facer online, a través dunha web que vos secuencia os pasos e ides introducindo os números, autocorrixíndovos.



Importante! Nas divisións online non é preciso encher todos os cadradiños, cando non se poidan baixar máis números, dádeslle a corrixir.

Xa que temos que pasar máis tempo na casa do que nos gustaría, entrenamos o cálculo de forma divertida e facendo uso das novas tecnoloxías. A darlle á cabeza! Sorte!


Actividades e vídeos Contexto Científico: Enerxía e desenvolvemento sostible

Para revisar algúns dos contidos sobre enerxía, efecto invernadoiro, impacto medioambiental e desenvolvemento sostible, do último contexto de ciencias, déixovos o enlace a algunhas actividades e vídeos que vos poden resultar de interese.










As seguintes actividades son para que repasedes o tema. Se tedes dúbidas podedes facelas cos apuntes diante, así ides localizando a información relevante. Xa sabedes, a por máis dun 70% de acertos!

Deíxovos neste enlace a teoría de 3º e 4º e neste enlace a teoría de 5º e 6º, por se vos quedou no cole e precisades acceder a ela.

3º e 4º de EP









5º e 6º de EP






VÍDEOS (3º, 4º, 5º e 6º)








 Se chegastes ata aquí, parabéns por ter dedicado un rato a pensar sobre como lograr un mundo menos contaminado, onde se respire aire limpo e non suban as temperaturas de forma descontrolada por mor das actividades humanas. Se queres, podes facer unha ilustración a cor de como sería Cela se usásemos enerxías renovables e lográsemos reducir ao mínimo as emisións de gases efecto invernadoiro, colgaremos as máis chulas na clase. Ata pronto!